Saturday 27 de April de 2024

O Centro de Interpretación do Pico Sacro abrirá de venres a domingo ata o 16 de outubro


O Concello de Boqueixón continúa ofrecendo visitas guiadas e de balde polos recursos turísticos do municipio

O Concello de Boqueixón abrirá o Centro de Interpretación do Pico Sacro, emprazado en Lestedo, todos os venres, sábados e domingos, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 19:00 horas. Un centro que estará aberto ata o vindeiro 16 de outubro.

O Centro de Interpretación do Pico Sacro ocupa a antiga casa reitoral da parroquia de Santa María de Lestedo (século XVIII) e constitúe un marabilloso exemplo de arquitectura rural galega. No seu exterior conta cun espazo axardinado cun hórreo e unha fonte de auga fresca que mana directamente do Pico Sacro.

No seu interior, a planta baixa acolle a oficina de turismo de Boqueixón e unha sala de audiovisuais; mentres que na parte alta podemos desfrutar dunha exposición permanente: “O Pico Sacro nos dominios da raíña Lupa”, que nos achega dun xeito gráfico e didáctico a toda a maxia que rodea ao Monte Sagrado. A exposición está dividida en catro eixes temáticos: “Un fito xeolóxico”, “O lugar do mito”, “O monte sagrado” e “A evolución histórica” distribuídos en torno a unha maqueta do Pico Sacro e a súa contorna.

Visitas guiadas e de balde

Por outra banda, o Concello de Boqueixón continuará un verán máis co seu programa de visitas guiadas de balde a distintos puntos de interese turístico do municipio. “Con esta iniciativa queremos achegar á xente o noso patrimonio natural, histórico e cultural ao público, ao tempo que damos a coñecer e poñemos en valor recursos como o Pico Sacro, o Centro de Interpretación, Ponte Ledesma ou as Ínsuas de Gres”, explica o alcalde, Manuel Fernández Munín.

As visitas guiadas gratuítas correrán a cargo dunha técnica de Turismo do Concello de Boqueixón e o seu percorrido será acordado entre as persoas visitantes e o Departamento de Turismo, podendo combinar os distintos recursos turísticos ou incluír tamén algunha ruta de sendeirismo como o dos Pescadores ou a subida ao Pico Sacro. Iso si, as persoas interesadas nunha visita gratuíta deberán solicitalo previamente a través do e-mail boqueixonturismo@gmail.com ou do teléfono 981 513 061.